Blogia
ORACLE NIGHT

Club de lectura a árbore vermella

EL ÁRBOL ROJO - A ÁRBORE VERMELLA

El Árbol Rojo é o título dunha das obras do marabilloso artista australiano Shaun Tan (autor tamén de Emigrantes, obra sobre a que tedes información nun artigo anterior deste mesmo blog, no apartado Club de Lectura). Lémolo-vímolo coas rapazas que asisten ó club, e a un profesor do centro, Víctor, de plástica, gustoulle moito o libro e fixo cos seus alumnos de 1º de ESO un traballo sobre el. Elaboraron un camiño de ramas e palabras que sube polas escaleiras da parte de atrás do centro ata a biblioteca, na que hai dúas "árbores" que teñen penduradas as versións do conto de Shaun Tan que fixeron os alumnos. Na presentación de diapositivas tedes imaxes do libro e do traballo feito por Víctor e os seus alumnos. Grazas a Javier polo seu fermosísimo arce vermello, que aparece na presentación, e as súas fotos.

ENTREVISTA A XOSÉ CARLOS CANEIRO

" A esencia deste libro é a procura da beleza ou esa correspondencia tan fermosa da beleza que é o amor."

"Non me interesa contar a realidade senón o que está detrás da realidade."

"A poesía ten que estar presente en todas partes, incluso nos discursos dos políticos"

Estas frases están entresacadas das respostas do escritor Xosé Carlos Caneiro á entrevista que Patricia, Lara e Claudia, alumnas de 1º de Bacharelato, lle fixeron ó escritor verinés co gallo da publicación da súa última novela, Blue Moon, que será presentada en Verín mañá venres día 8 de Maio. Fixéronlle preguntas sobre esta novela, sobre a súa obra e a literatura en xeral, sobre o sistema educativo..... Unha interesante entrevista que podemos ver,  debido á súa extensión, en cinco capítulos: Capítulo 1; Capitulo 2; Capítulo 3; Capítulo 4 e Capítulo 5.  A gravación foi feita por Víctor e Alexandre, de 4º de ESO e o mesmo Víctor, xunto con Débora, de 1º de ESO, tomaron fotografías. Desexamos que sexa do voso agrado.

Club de lectura do IES TABOADA CHIVITE

Estes son algúns dos libros que temos lido no club de lectura. As lectoras que formamos parte del lemos, comentamos, vemos vídeos e escoitamos música todos os xoves, de 16:30 a 17:30 e de 17:30 a 18:30.

XXVI CONCURSO DE CONTOS CASA DA XUVENTUDE

XXVI CONCURSO DE CONTOS CASA DA XUVENTUDE

A Casa da Xuventude de Ourense convoca o XXVI Concurso de Contos .(Logo de facer clic no hipervínculo, elexir o idioma, premer en Actividades  e por último en Concurso de contos ) Animádevos a participar

Bases do concurso.

 

Visita de Teresa Santamaría

Comentabamos nun artigo previo a nosa visita á escola de Vilaza. Días despois foi a profesora desta escola, Teresa Santamaría, quen nos visitou no noso instituto e falou para rapaces e profesores que quixeron acompañarnos na hora do club de lectura do seu colexio e, paso por paso, da experiencia que rematou coa publicación de A bolboreta Doreta. Trouxo material que foi usado no seu centro (microscopios, libros, e mesmo restos de crisálidas), proxectou imaxes da escola, dos alumnos , un vídeo que recolle a experiencia e a maqueta do libriño inicial, antes de se por en contacto coa editorial Baía, que publicou a historia. Os nosos alumnos seguiron as proxeccións e as explicacións con moito interese e comentáronnos ó final da charla que lles gustara moito. Aínda que, en principio, o libro é para rapaces pequenos, comentamos que moitas veces non hai barreiras, que do aparentemente máis sinxelo pódense sacar reflexións profundas e moi enriquecedoras (di un cartel que temos na biblioteca: "E se os libros para nenos fosen de lectura obrigada para os adultos?". Este lema está posto á beira de Nadarín , El árbol rojo, O incrible neno devorador de libros, Las luces que se encienden y se apagan, La flor más grande del mundo....... Qué adulto pode dicir que non hai nada que aprender nestes marabillosos libros?)

As nosas alumnas de 1º Bach. Lara, Patricia e Claudia prepararon un fermosísimo texto para recibir a Teresa. Elas estiveron na visita previa á escola e o texto amosa o moito que os valores que ese lugar aporta ós pequenos as impresionaron.

PREMIOS LITERARIOS MINERVA

PREMIOS LITERARIOS MINERVA

O colexio M. Peleteiro convoca a XXXVII edición dos seus premios literarios. Poderán participar alumnos de 3º e 4º de ESO e de Bacharelato que cursen estudos en Galicia, e non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de Decembro de 2009. Animádevos a presentarvos.

VISITA Á ESCOLA DE VILAZA

VISITA Á ESCOLA DE VILAZA

Recentemente chegou ás nosas mans o libro A bolboreta Doreta, que se fixo a partir dunha experiencia realizada cos alumnos de infantil do colexio de Vilaza. Os nenos atoparon uns ovos de bolboreta na horta da súa escola e, coa axuda da súa profesora, Mª Teresa Santamaría, seguiron e axudaron no proceso no que os ovos se convertiron en eirugas, logo en crisálidas e finalmente en bolboretas. Pensamos que ós rapaces que veñen ó club de lectura podíalles resultar interesante descubrir este libriño e como se chegou ata el. Puxémonos en contacto coa profesora Teresa Santamarìa e visitamos a súa escola, un lugar máxico, no que hai cores, formas, disfraces, animaliños, debuxos, unha casiña, libros a esgalla, incluso feitos polos propios nenos,,,,unha atmosfera para desenrolar a creatividade, a independencia e a liberdade dos nenos.

O día 16 de Abril Teresa Santamaría virá ó club lector con algún dos rapaces que viviron esta experiencia educativa e falaranos dela e da súa escola. Previamente, coas fotos que sacamos durante a nosa visita, faremos unha exposición na nosa biblioteca

DÍA DA MULLER NO IES XESÚS TABOADA CHIVITE

DÍA DA MULLER NO IES XESÚS TABOADA CHIVITE

Con motivo da celebración do día da muller traballadora fixemos na biblioteca do noso instituto unha exposición na que colaboramos profesores e alumnos. Os profesores elaboramos dous paneis, un deles sobre mulleres na historia de Galicia, a meirande parte delas grandes descoñecidas para o gran público: Inés de Castro, Exeria, Ilduara Eriz ou Amparo Alvajar son algunhas das mulleres que os nosos alumnos tiveron a oportunidade de descubrir. O segundo panel leva por título "Vidas paralelas". Nel plasmamos as vidas de parellas ó longo da historia nas que o home foi a figura sobranceira e a muller quedou por completo na escuridade a pesares do seu talento, ou non tivo oportunidade ningunha . Mencionamos o feito de que hoxe en día, nalgúns países, xa é posible que as mulleres ocupen unha posición destacada, mais non é o máis habitual e aínda queda moito camiño por percorrer.

O panel que elaboraron os nosos alumnos leva por título "Mulleres con mérito e sen fama" e contén escritos feitos por eles mesmos sobre as súas nais, avoas, bisavoas e tataravoas. Nestes relatos os fillos, netos, bisnetos, tataranetos...fan unha agarimosa homenaxe a estas mulleres traballadoras, loitadoras.

Tamén nesta semana se proxectou a película Orgullo e Prexuízo (PRIDE AND PREJUDICE), baseada na novela de Jane Austen. Os alumnos e profesores que asistiron á proxección leron un texto sobre a vida e a obra da autora inglesa e tamén sobre a situación da muller no seu tempo.

Curtametraxe CORES

Curtametraxe CORES

O ano pasado asistín ó festival de curtametraxes que se celebra tódolos anos en Redondela chamado Redondela en curto. Gustáronme varias das películas que se proxectaron e imos compartir unha delas, Corescos nosos rapaces e rapazas do club lector. O seu director, Jairo Iglesias, estivo o ano pasado presentando a curta no festival e é ademáis productor dunha curtrametraxe titulada 18.1 , dirixida por Gutier Rolán, fillo dunha das nosas compañeiras, profesora de galego no noso instituto, o IES Xesús Taboada Chivite de Verín.

EMIGRANTES

EMIGRANTES

No club lector do IES Xesús Taboada Chivite imos ler-ver a magnífica novela gráfica de Shaun Tan titulada Emigrantes. Reflexionaremos sobre o tema de emigración usando como ferramentas, ademáis deste marabilloso libro, o discurso de Todorov nos premios Príncipe de Asturias deste ano e a canción Brazos pra seitura. do grupo galego Fuxan os Ventos

LA RUTA NATURAL

 

LA RUTA NATURAL (Curtametraxe que será proxectada no Club Lector despois de ler o conto de Rafael Dieste titulado O Neno Suicida)

O Xurado de Sundance, o festival de cine independente máis prestixioso de EEUU, outorgou a ’La ruta natural’, do barcelonés Álex Pastor, o premio á Mellor curtametraxe internacional. A cinta deste novo director é unha sorprendente reflexión sobre o destino e a fatalidade.

¿De onde xurde a idea de ’La ruta natural’?
A idea orixinal e básica da curtametraxe, o contar unha vida marcha atrás, foi do coguionista Martí Roca. Él foillle ó director Alex Pastor con esa premisa e os dous puxéronse mans á obra. Probaron distintas ideas e versións. Non querían quedar simplemente coas ideas puntuais inxeniosas e espectaculares que suxire en primeira instancia o feito de rodar marcha atrás. Tiña que ser un vehículo para algo máis. Ó principio somentes vían os beneficios de ir cara atrás, rexuvenecer, ver voltar da morte ós teus seres queridos, etc. Pero pronto se decataron de que non se pode escapar do sufrimento e a dor. Todo o que gañas tarde ou cedo pérdelo, todo está condeado a desaparecer. Mais, alomenos, cara adiante temos a memoria, as pegadas que deixamos ó pasar pola vida. Nada espectacular tampouco. Non fai falla deixar unha obra de arte que sobreviva mil anos. Simplemente amigos, un fillo, alguén que nos lembre.